Monday 29 de April de 2024

Máis de mil persoas participaron na Volta a Oza, do circuíto Coruña Corre


Álvaro Presedo e Inés Papín foron os vencedores da proba na categoría absoluta

Esta mañá disputouse unha nova edición da Volta a Oza, unha carreira popular que forma parte do circuíto Coruña Corre. Máis de mil persoas congregáronse para participar neste evento organizado polo Concello, que converteu a contorna do parque de San Diego nunha gran festa para nenos e adultos. Na categoría absoluta os gañadores foron Álvaro Presedo (21:51 minutos) e Inés Papín (27:29 minutos)

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez foi o encargado de facer a entrega de premios. “O circuíto Coruña Corre é un dos piares do deporte coruñés e a nosa alcaldesa, Inés Rey, así o entende e por iso dálle a importancia que merece”, sinalou Vázquez. Todos os resultados da xornada de hoxe pódense a consultar na seguinte ligazón.

O percorrido da proba absoluta, de 6.250 metros, comezou no treito de acceso ao parque de San Diego e tras, a primeira rotonda entre a rolda de Outeiro e a avenida do Exército, seguiu pola rúa Alejandro Barreiro Noya, subindo posteriormente pola avenida da Pasaxe e a avenida da Concordia.

No seu camiño, as e os participantes pasaron tamén pola contorna do IES Monte das Moas, o parque de Eirís, a avenida de Casanova de Eirís e Antonio Ríos, bordeando posteriormente o IES de Monelos pola rúa Montes para descender, a continuación, polas sendas do parque de Oza. Xa aí comezou o treito final, con subida pola rolda de Outeiro para voltar ao punto inicial, o parque de San Diego.

Tras a Volta a Oza, dúas carreiras máis ata finais de ano
A Volta a Oza supón a volta á actividade do circuíto de carreiras populares Coruña Corre tras o habitual parón estival.

Despois da proba do vindeiro día 10 de setembro, están previstas outras dous antes de que remate o ano: a carreira popular do Ventorrillo, o 22 de outubro; e a carreira popular de Novo Mesoiro, xa o 26 de novembro.